O pasado 29 de outubro, no marco das actividades de comunicación e transferencia do proxecto BlueWWater, celebrouse no salón de actos de CETMAR (Vigo) o workshop “Innovación e cooperación fronte aos contaminantes emerxentes: da detección á acción cara a unha xestión sostible da auga”.
O encontro reuniu arredor de 60 participantes dos ámbitos público e privado: representantes de administracións públicas, organismos responsables do control e xestión da calidade da auga, laboratorios, empresas de tratamento, compañías tecnolóxicas, centros de investigación, universidades e centros tecnolóxicos. Moitos deles son membros da Rede NOR-WATER, unha rede colaborativa dedicada á detección e tratamento de contaminantes emerxentes nas augas de Galicia e Portugal, que xa conta con máis de 70 entidades asociadas.
O taller serviu como espazo para o intercambio de coñecementos e experiencias, permitindo presentar os principais resultados do proxecto BlueWWater e debater sobre os retos actuais do sector da auga en relación cos contaminantes emerxentes.
Sesión de apertura
A xornada foi inaugurada por Rosa Chapela, directora de CETMAR, e Pablo Otero, director do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC), quen deron a benvida ás persoas asistentes e presentaron o contexto científico e institucional do evento.

Fig 1. Rosa Chapela e Pablo Otero inaugurando o evento.
A continuación, Marisa Fernández (CETMAR) presentou os obxectivos e as principais actividades do proxecto BlueWWater, destacando a relevancia e o potencial do consorcio de cooperación transfronteiriza que fixo posible a organización deste encontro.

Fig. 2. Marisa Fernández presentando o proxecto BlueWWater ás persoas asistentes.
Bloque 1. Contexto e marco regulamentario
Para abrir o bloque de intervencións sobre contexto e marco regulamentario, Rosario Rodil (USC) realizou unha revisión do estado actual dos contaminantes de preocupación emerxente no medio acuático. Subliñou a necesidade de incrementar a vixilancia sobre novos compostos cuxo impacto na saúde humana e no medio mariño aínda non se coñece en profundidade.

Fig. 3. Rosario Rodil revisando o estado dos contaminantes emerxentes no medio acuático.
De seguido, Laura Díaz (Labaqua) presentou un estudo realizado en varios hospitais de Madrid sobre a presenza e o potencial impacto dos fármacos nas augas residuais, destacando a necesidade de considerar pretratamentos específicos antes do seu vertido ao sistema público.
Fig. 4. Laura Díaz (Labaqua) presentando o seu estudo sobre fármacos en augas residuais de hospitais de Madrid.
Bloque 2. Detección e monitorización
A xornada continuou coa primeira intervención deste bloque, a cargo de Teresa Neuparth (CIIMAR), quen abordou o uso de ferramentas ecotoxicolóxicas para avaliar o risco dos contaminantes emerxentes. Describiu os distintos niveis de análise, desde os ensaios in vitro ata a integración de datos ecolóxicos e hidrodinámicos en modelos de predición ambiental.
Fig. 5. Teresa Neuparth mostrando resultados sobre efectos endocrinos en peixes cebra.
A continuación, Isabel Iglesias e Miguel Santos (CIIMAR e Facultade de Ciencias da Universidade do Porto) presentaron a aplicación de modelos hidrodinámicos, lagranxianos e ecolóxicos na avaliación do impacto ambiental. Iglesias explicou como se preparan e validan os modelos mediante mostraxes de campo, mentres Santos destacou a importancia de integrar datos ecolóxicos, experimentais e hidrodinámicos para comprender as presións sobre os ecosistemas.
Fig. 6. Isabel Iglesias e Miguel Santos nas súas intervencións sobre os diferentes modelos usados na avaliación de impacto ambiental.
O bloque concluíu cunha mesa redonda moderada por Juan Bellas (Centro Oceanográfico de Vigo), que serviu como espazo de intercambio e reflexión entre as persoas relatoras, quen compartiron as súas perspectivas e responderon ás preguntas do público.
Fig. 7. Mesa redonda con Laura Díaz, Isabel Iglesias, Teresa Neuparth, Miguel Santos, Rosario Rodil e Juan Bellas.
Bloque 3. Tratamentos avanzados
Tras a pausa para o café, o bloque de tratamentos foi inaugurado por Ana Isabel Gomes (Facultade de Enxeñaría da Universidade do Porto), quen presentou as tecnoloxías avanzadas para a eliminación de microcontaminantes en augas residuais urbanas. Explicou as diferenzas entre tratamentos físicos e químicos e destacou os tratamentos cuaternarios, elemento clave na nova Directiva de Augas Residuais Urbanas (DARU). Subliñou tamén que a retención de contaminantes non implica a súa eliminación total, xa que o tratamento dos subprodutos continúa a ser un desafío.
Fig. 8. Ana Isabel Gomes mostrando datos sobre contaminantes, fármacos e aditivos plásticos máis abundantes nas depuradoras participantes no proxecto BlueWWater.
Posteriormente, Hugo Quintana (CETAQUA) expuxo as adaptacións das EDAR á nova directiva DARU e as tecnoloxías que están implementando, como o sistema SeMPAC (biorreactor con membrana e carbón activo). Ademais, presentou experiencias piloto de reutilización de augas residuais para rego de zonas verdes e extinción de incendios.
Fig. 9. Hugo Quintana durante a súa intervención.
Bloque 4. Cooperación, xestión e divulgación
O último bloque, dedicado á cooperación, xestión e divulgación, comezou coa intervención de Olga Carretero (CETMAR), quen presentou a Rede NOR-WATER, unha plataforma de colaboración público-privada e multidisciplinar nacida do proxecto NOR-WATER, antecesor de BlueWWater. Olga destacou o seu papel como nexo entre institucións, investigadores, empresas e operadores implicados na xestión da calidade das augas e no control dos contaminantes emerxentes.
Fig. 10. Olga Carretero presentando a Rede NOR-WATER.
A continuación, Anxo Mena (CETMAR), en representación da Plataforma Tecnolóxica PROTECMA, salientou o seu papel como ferramenta para a difusión de resultados e a conexión cos usuarios finais —xestores de plantas, administracións, empresas e cidadanía—. Subliñou tamén o valor destas plataformas como motores de colaboración público-privada na prevención e xestión de riscos ambientais.

Fig. 11. Anxo Mena presentando a plataforma PROTECMA.
A última intervención estivo a cargo de Uxía Tenreiro (Centro Oceanográfico de Vigo), técnica de comunicación e divulgación, quen reflexionou sobre como comunicar a ciencia sen alarmar nin simplificar en exceso, ofrecendo estratexias e temas clave para achegar os resultados científicos á sociedade de maneira clara, rigorosa e atractiva.
Fig. 12. Uxía Tenreiro falando sobre a divulgación dos resultados científicos.
A xornada concluíu cunha segunda mesa redonda, moderada novamente por Juan Bellas (Centro Oceanográfico de Vigo), que favoreceu o debate e a participación activa. As persoas relatoras deste último bloque compartiron as súas reflexións e responderon ás preguntas do público antes de dar por clausurado o evento.
Fig. 13. Segunda mesa redonda: Ana Isabel Gomes, Olga Carretero, Hugo Quintana, Uxía Tenreiro, Anxo Mena e Juan Bellas.
As mesas redondas puxeron de relevo a necesidade de avanzar cara a unha xestión máis integrada e coordinada dos contaminantes emerxentes, reforzando a colaboración entre investigación, regulación e xestión. Destacouse a importancia de armonizar os marcos normativos, mellorar a monitorización e avaliación do risco ambiental e impulsar o desenvolvemento e aplicación de tecnoloxías eficaces de tratamento.
Así mesmo, subliñouse o valor da cooperación transfronteiriza e da divulgación científica como ferramentas clave para achegar a ciencia á sociedade e fomentar hábitos sostibles no uso e na xestión da auga.
Presentacións
- O proxecto BlueWWater. Marisa Fernández – CETMAR
- Situación actual dos contaminantes de preocupación emerxente no medio acuático. Rosario Rodil – USC
- Contaminantes emerxentes no medio ambiente: contexto, lexislación e aplicacións ambientais. Laura Díaz – Labaqua
- Ferramentas e metodoloxías ecotoxicolóxicas para a avaliación do impacto de contaminantes emerxentes. Teresa Neuparth – CIIMAR
- Da monitorización e os modelos numéricos á avaliación do risco ambiental: integración de procesos hidrodinámicos e ecolóxicos. Isabel Iglesias – CIIMAR / Miguel Santos – FCUP
- Tecnoloxías avanzadas para a eliminación de micropoluentes en augas residuais urbanas. Ana Isabel Gomes – FEUP
- Adaptación á nova normativa e exemplos de eliminación de contaminantes emerxentes. Hugo Quintana – CETAQUA
- Rede NOR-WATER e cooperación transfronteiriza: impulsando a xestión sostible da auga. Olga Carretero – CETMAR
- A Plataforma Tecnolóxica PROTECMA. Anxo Mena – CETMAR
- Da ciencia á sociedade: educación ambiental, sensibilización e cambio de hábitos. Uxía Tenreiro – IEO-CSIC