Actividades
BlueWWater
1. Desenvolvemento de ferramentas para a avaliación de microplásticos e contaminantes emerxentes nas EDAR e no medio acuático
O obxectivo desta actividade é desenvolver e seleccionar ferramentas analíticas capaces de avaliar de xeito eficiente e estandarizado os diferentes contaminantes de preocupación emerxente, microplásticos incluídos, tanto en masas de auga superficial como en augas residuais.
A nova proposta de normativa sobre o tratamento de augas residuais urbanas e a Directiva Marco da auga fixan novos obxectivos quer no tocante á eliminación de contaminantes de preocupación emerxente e microplásticos nas estacións de depuración de augas residuais (EDAR), quer na definición de estándares ambientais.
Para lles dar resposta a estas novas esixencias, vanse desenvolver metodoloxías de alto rendemento que se poidan empregar para cumprir cos requisitos de monitorización das novas directivas e vaise organizar un exercicio de comparación interlaboratorios para colaborar con outras entidades na validación de tales metodoloxías.
Resultados esperados:
- desenvolvemento de metodoloxías de alto rendemento para a determinación de contaminantes emerxentes;
- desenvolvemento e mellora de metodoloxías para a mostraxe e determinación de microplásticos;
- exercicio interlaboratorios para a validación de metodoloxía analítica para a determinación de compostos indicadores en augas residuais.
Socios: Coordina: USC, Participa: IEO-CSIC, AEdP, INTECMAR.
2. Riscos e impactos derivados da presenza de contaminantes de preocupación emerxente (CECs) e microplásticos (MPs) no medio acuático
O obxectivo desta actividade é utilizar ferramentas químicas, ecotoxicolóxicas e de modelización para lle dar soporte á avaliación de risco ambiental de contaminantes de preocupación emerxente e microplásticos.
Nesta actividade empregaranse ferramentas químicas, ecotoxicolóxicas e modelos hidrodinámicos, de transporte e de cadea trófica co fin de avaliar a eficacia das estacións de depuración de augas residuais (EDAR) con e sen tratamentos terciarios/cuaternarios para eliminar os CECs e os MPs nos medios receptores. Preténdese avaliar o potencial de reutilización da auga tratada con tratamentos terciarios/cuaternarios para o seu uso na rega de cultivos agrícolas.
Esta actividade vai ser de gran relevancia para lle dar apoio á proposta de normativa sobre o tratamento de augas residuais urbanas e avaliar a conformidade dos novos métodos de reutilización da auga tratada para fins agrícolas.
Resultados esperados:
- avaliación da eficacia das EDAR para eliminar os CECs e os MPs por medio de métodos analíticos e ecotoxicolóxicos;
- avaliación da eficacia de tratamentos terciarios/cuaternarios en estacións piloto considerando os criterios propostos na normativa sobre o tratamento de augas residuais, así como para o seu potencial de reutilización para fins agrícolas;
- desenvolvemento dunha ferramenta de modelización de apoio á avaliación de risco ambiental combinando o emprego de modelos de cadea trófica, modelización numérica e descritores toxicolóxicos;
- avaliación ambiental mediante metodoloxía de análise de ciclo de vida (ACV) de dúas estacións piloto no espazo transfronteirizo; determinación do perfil ambiental das diferentes configuracións e comparación con sistemas convencionais identificando ineficiencias, oportunidades de mellora, ganancias ambientais etcétera.
Socios: Coordina FCUP, Participa: CIIMAR, FEUP, AEdP, INTECMAR, USC, IEO-CSIC, CETAQUA.
3. Dinamización e fortalecemento da rede de colaboración público-privada de contaminantes de preocupación emerxente NOR-WATER
O obxectivo desta actividade é proporcionarlle sustentabilidade e impulso á rede NOR-WATER, creada no marco do proxecto do mesmo nome (POCTEP 2014-2020). Nesta actividade vaise promover a expansión da rede e a integración de novos membros, vanse crear ferramentas de xestión e capitalización de coñecemento existente, vanse organizar actividades de transferencia e eventos, vanse fomentar e impulsar iniciativas de I+D+i e vanse crear sinerxías con outros proxectos, redes e plataformas.
A rede NOR-WATER constitúe un foro de colaboración multidisciplinar público-privada en materia de contaminantes de preocupación emerxente. Actualmente forma parte da rede un total de 41 entidades, 28 delas procedentes de España e 13 de Portugal. Esta actividade pretende consolidar, impulsar, dinamizar e expandir a rede por medio da integración de novos membros, dando a coñecer as súas capacidades e oferta tecnolóxica, fomentando a colaboración, celebrando eventos e elaborando a súa folla de ruta. Vanse crear sinerxías con outras iniciativas relacionadas, e vaise elaborar unha base de datos online que conterá información e documentación relevante en relación co proxecto, así como entidades, proxectos e os seus resultados.
Resultados esperados:
- documento de capacidades e oferta tecnolóxica da rede;
- base de datos documental de contaminantes emerxentes e microplásticos;
- webinarios e seminarios relacionados coas temáticas do proxecto;
- winter school;
- sitio web e materiais de diseminación da rede NOR-WATER;
- sinerxías con outras iniciativas relacionadas.
Socios: Coordina CETMAR, participan todos los socios.
4. Actividades de educación ambiental e sensibilización
No marco das actuacións de comunicación do proxecto, está prevista a organización de actividades de educación ambiental e sensibilización tanto en Galicia como no Norte de Portugal.
Na ribeira do Miño, o Aquamuseu-CMVNC vai realizar accións de limpeza e monitorización de lixo con grupos escolares e cidadáns (tres ao ano). Vanse desenvolver dúas actividades experimentais con estudantes: 1) en colaboración coa acción 4.2 “Consumimos microplásticos?” e 2) “Bloquear o transporte de plástico”: empregarase unha barreira ecolóxica para sensibilizar a poboación acerca do papel dos ríos no transporte de lixo. Realizarase a exposición itinerante “Plástico na natureza” e o vídeo A migración do plástico. Ademais, vaise publicar unha guía do río Miño para a conservación dos seus valores naturais.
En Viana do Castelo, o CMIA, sector do municipio, vai realizar exposicións itinerantes inclusivas sobre o tema do lixo mariño, e ademais vai crear xogos educativos que exploren o ciclo da auga, a economía circular e os residuos. Tamén se van producir publicacións sobre as fontes, emisións e impactos dos microplásticos, así como o desenvolvemento de kits educativos temáticos.
En Galicia, o IEO-CSIC vai realizar actividades de educación ambiental para estudantes de secundaria, e para iso vai organizar obradoiros sobre microplásticos e CECs impartidos por persoal do proxecto. O seu guión vai quedar recollido nun documento no sitio web para que os docentes os poidan levar a cabo na aula. Os obradoiros vanse complementar cun xogo educativo que recollerá conceptos importantes do proxecto e que quedará ao dispor da comunidade educativa no sitio web do proxecto.
Para o público xeral, vaise realizar unha campaña de concienciación en redes sociais. Esta vai consistir en pequenas pílulas en formato de vídeo ou infografías que estarán dispoñibles no sitio web do proxecto.
Esta web foi cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027. As opinión son de exclusiva responsabilidade do autor que as emite. |
Contacto | Aviso legal – Dereitos de autor – Política de privacidade |