Contexto

BlueWWater

A contaminación causada polas verteduras de augas residuais a masas de auga fluviais e litorais, así como o seu impacto no medio e na saúde humana, constitúe un problema global que se debe abordar desde un punto de vista integral. Para reducir os riscos ambientais asociados á presenza de contaminantes de preocupación emerxente (CECs) e microplásticos, é esencial unha estratexia común e unha cooperación eficaz a ambos os lados da fronteira que permita reducir a emisión destes contaminantes. 

BlueWWater ten como obxectivo a mellora da calidade das masas de auga fluviais, de transición e litorais por medio do control, seguimento e avaliación das emisións de microplásticos e CECs ao medio acuático en ambas as rexións, garantindo un uso sustentable dos recursos hídricos e contribuíndo á implementación da normativa comunitaria vixente e en preparación para as mudanzas normativas previstas.

BlueWWater vailles proporcionar soporte ás administracións para implementar a normativa comunitaria en materia de calidade de augas (Directiva 2000/60/CE, ou Directiva Marco da Auga, e Directiva 91/271/CEE sobre o tratamento de augas residuais urbanas, actualmente en revisión) por medio do desenvolvemento e optimización de métodos analíticos de detección e monitorización de contaminantes, vai avaliar a eficiencia de tecnoloxías de tratamento avanzadas para mellorar a depuración dos efluentes urbanos, vai avaliar o potencial de reutilización da auga tratada para fins agrícolas e vai desenvolver ferramentas de apoio á avaliación de risco ambiental destes contaminantes.

BlueWWater aséntase sobre un importante capital de coñecemento xerado no marco do proxecto NOR-WATER (“Contaminantes emerxentes nas augas de Galicia e Norte de Portugal: novas ferramentas para a xestión do risco”) financiado a través do Programa de Cooperación Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal (POCTEP), no cal participaron moitos dos socios de BlueWWater (USC, INTECMAR, FEUP, CMIA-CMVDC, Aquamuseu, e coordinado por CIIMAR) xunto con APA-ARH.

 

 

 

 

 

 

 

 

Esta web foi cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027. As opinión son de exclusiva responsabilidade do autor que as emite.
Contacto Aviso legal – Dereitos de autor – Política de privacidade